Señora do Finisterrae
Protexida pola escuridade da
noite, unha barca sen leme tripulada por catro homes achegábase
ás costas de Galicia. A embarcación guiábase soa
dereita cara a entrada da ría, onde escolleu parada nunha pequena
praia. Os homes saltaron a terra, amarraron a barca, e tiraron dela
un corpo sen vida envolto nun branco lenzol : o Apóstolo Sant-Iago.
En busca dun lugar axeitado para lle dar nobre sepultura ao discípulo
de Cristo, dous dos homes outearon ao lonxe un magnífico castelo.
Ata aló tomaron camiño e, ao chegaren, demandaron ver
ao señor da citania.
Os servos de Sant-Iago foron conducidos diante da Raíña
Lupa, céltiga señora das terras do Fin do Mundo que, anque
ao principio interesouse pola historia dos cristiáns, mandounos
finalmente prender por mor da súa soberbia.
Pola noite, ao estaren os encadeados cristiáns
pregando axuda ao seu Deus, un neboeiro luminoso e estrelado abriu miragrosamente
as portas da prisión e os presos puideron escapar.